Montelouro

from by Samuel L. París

/
  • Streaming + Download

     

lyrics

Até que Montelouro teña, finalmente, un pezón en condicións e até que atinen a nos dicir porque é que somos a xeración mellor preparada da historia. E agardan que creamos na política como eles confiaban en deus.

Até que Montelouro sexa un verdadeiro peito e a nosa matria nos aperte as dedas dos pés e os pequenos volvan a xogar coas xogas. Decrecer entredentro de nós sen as miradas, sen o coche no taller, sen domiciliar as facturas da luz (xallas). Non sabemos que hora é no paraíso, mais pillamos medio pollo para esta noite. Esta noite si.

Até que Montelouro se erixa na mama dos que rexeitaron xuntar as mans no día de xuntar as mans. Café para espertar. Pastillas para durmir. Espertador. Sesta. Durmir. Cama nova do trinque. Colchón de látex con condón de látex rachado. Pastillas para non ser a nai que algún día che dixeron que tiñas que ser. Non traiamos máis xente o mundo. Jesús Gil e Jim Morrison estiveron aquí, mais agora calquera de nós podería cuspir sobre eles. Non hai opción.

Até que Montelouro desapareza na primavera tal e como desaparecen sempre as boas historias. Somos monógamos, somos promiscuos, temos un corazón que non nos colle no peito, non temos cor, non temos nación á que agardar se a choiva nos colle descalzos na mañá. Somos todo o que non lembraremos dunha fotografía. As cores todas coas formas todas.

Até que Montelouro nos vomite (oxalá!) enriba a primavera que tramaron as luras e as caramuxas en rigorosa reunión sindical. Venderiamos o mar a calquera por medio pollo para esta noite. Esta noite tamén. E nós somos o mar. Non temos prezo, manda carallo.

Até que Montelouro pille connosco e até que os funcionarios se pinten os ollos de amarelo e finxan ser toxiños. Non hai cemento que poida deter a primavera. Non hai cemento suficiente no universo, nin na falta de coherencia, para deter a primavera. Esta primavera non.

Até que Montelouro se abandone á sorte do mar e sexa a muller que queira ser. Que non sexa nai, que non sexa golpeada, que non teña nada que aturar. Que sexa o orgullo das mulleres todas, concentrado e viaxante no mar inmenso. Que Montelouro recoñeza que abonda xa de tanta terra que non presta. Que teña salitre no bico da cona como a insubordinación última de quen se sabe dona dunha aperta atlántica.

Até que todo isto sexa. Até que a primavera se rache no mar e o argazo saiba a empanada de rinchóns ou a chocolate. Até que Montelouro nos mire coa mesma cara de papahostias coa que nós o miramos cando xa imos entrando en Esteiro. Até que todo isto sexa, xusto até entón, continuaremos a manternos lonxe de deus e disturbados.

Continuaremos esvarando.

Tiñas plans?

Agárrate.

credits

from Inflamable, released September 6, 2012

tags

license

about

Samuel L. París Galicia, Spain

—Parará, papá?
—Parará, París.

contact / help

Contact Samuel L. París

Streaming and
Download help